• GALEGO
  • ESPAÑOL
  • ENGLISH
     
  noticias  

SÉS: «A MÚSICA NON É CAUSA, SENÓN CONSECUENCIA DOS CAMBIOS SOCIAIS»

SÉS: «A MÚSICA NON É CAUSA, SENÓN CONSECUENCIA DOS CAMBIOS SOCIAIS»
27 MARZO 2023

Cantautora «con alma de cantereira», Sés medrou musicalmente no folclore tradicional galego e, logo máis dunha década de traxectoria ascendente e imparable, o seu estilo é agora unha orixinal e xenuína mestura de rock & roll, tradición galega e certa cadencia da canción de autor latinoamericana con actitude punk. As súas letras —elaboradas, honestas e viscerais— conforman un discurso contundente e directo, interpretado con carisma, reivindicación e manexo escénico que fan de Sés «o altofalante certeiro que defende aquilo no que sería ideal crer».

Diante un eco (Altafonte, 2022) é o seu oitavo traballo discográfico e unha especie volta ás súas orixes, «porque me lembrou á frescura dos meus primeiros discos», afirma. Durante as 12 cancións que o compoñen, escoitamos a unha Sés recoñecible e madura que volve conectar con mestría as músicas populares de Galicia e de toda América, ese inesgotable manancial de sons que nacen do pobo e do que ela se sinte amante e debedora. Diante un eco é Sés en estado puro.

 

 

Foto © Marc Várez

 

Dirías que os teus inicios na música tradicional galega moldearon a túa traxectoria?

Sés: «Modelaron sobre todo o meu xeito de comprender o espectáculo e os escenarios.

Eu aprendín a subirme ao escenario dun xeito anónimo e sen pretensións, simplemente para desfrutar da música e da interacción coas miñas compañeiras. Ninguén sabía o meu nome nin me diferenciaba de ningunha outra, pero nin sequera se me pasaba pola cabeza que poidese ser doutro xeito. Non sei se a todo o mundo lle sucediu o mesmo, pero a min o folclore inculcoume humildade, cousa valiosísima nun gremio tan tendente á vaidade. Ensinoume a ter a música como fin e non como medio».

 

Ti defíneste como «cantareira», por que? E a túa música, como a describirías?

Sés: «Eu defínome como “cantautora”, que é o que son, obviamente, pero digo que teño alma de cantareira, porque me criei niso e porque sempre sentín un inmenso orgullo das miñas orixes.

Por iso sempre reclamei a importancia das nosas escolas de música tradicional, tanto en Galiza coma no Estado, poñéndoas á altura das escolas de flamenco ou doutros folclores máis recoñecidos e máis rendíbeis economicamente, que é onde teñen que estar. Pero se ti escoitas a miña música, ves que son unha cantautora que viste as súas cancións con traxes moi diferentes. Moi ecléctica, se queres, e é así como eu vexo o meu cancioneiro. É froito de moitísimas influencias, porque son unha persoa moi curiosa e unha consumidora voraz, pero sobre todo é froito do odio eterno aos complexos nas artes.

A min gústanme moitas músicas, de moi diversos tempos e espazos e non só non me avergoña, senón que me enorgullece. Creo que iso que dicía Unamuno de “cuanto menos se lee, más daño hace lo que se lee” é aplicábel á música, a escoitar».

 

E folclórica (non do xeito que a xente poida ter na cabeza...)! Porque, ao cabo, o rock and roll é folclore, dicías. Notamos como estes inicios máis rocanroleiros e actitude punk preséntanse agora máis atemperados, aínda que o nivel de revolución sexa o mesmo. Séntelo así?

Sés: «Home, se fose igual con 25 anos que con 40 non diría moito de min, non cres?. Se non aprendese, evolucionase ou cambiase nesta última década, consideraríasme intelixente? Eu, desde logo, non. Ademais, a min encántame ser unha señora, e ser unha señora que ademais se permite medrar por dentro e por fóra. Pero a miña actitude punk non só non remitiu, senón que se agudizou, e penso que vai seguir indo a máis. Porque a actitude punk non son uns pantalóns pitillo nin unha chupa de coiro; a actitude punk é irreverencia e insubmisión, e que non che importe demasiado nin o que se espera nin o que se di de ti. É autodeterminación. Pero unha autodeterminación sólida, unha rebeldía con contraargumentación, non unha rebeldía sen causa. Así entendo eu a actitude punk.

O que sucede é que no mundo do showbusiness a xente non acostuma a ver persoas (e menos mulleres) que asuman a súa idade e non queiran seguir tendo as mesmas formas e modos eternamente. O PeterPanismo e a obsesión polo forever young rozan hoxe o ridículo. Se cadra por iso chama tanto a atención que eu non me agarre á estética dunha etapa concreta da miña vida e da miña xuventude».

 

Foto © Marc Várez

 

Metidas en xéneros como estamos, non podemos deixar de preguntar polos claros ritmos latinoamericanos que asolagan, en maior ou menor medida, as túas composicións. Desde o teu punto de vista, como explicarías a conexión entre as nosas músicas e as da outra beira do Atlántico?

Sés: «As conexións son múltiples, desde puramente estéticas a paralelismos no ámbito político e socioeconónomico. Estes últimos son, probabelmente, os que determinan a existencia dun discurso poético moi centrado no social dentro da música latinoamericana, que é o que fai que eu caia prendida, para a miña sorte, porque foi a música que a min me ensinou a pensar, a cuestionar; sobre todo a música dos anos 60 e 70. A socioloxía da música é para min unha paixón igual ou maior que a da música en si mesma, e é nese ámbito no que atopo unha ligazón máis profunda entre ambas realidades, pero precisaría vinte páxinas para facer unha síntese».

 

Es licenciada en Filoloxía Galega e Antropoloxía Social, inflúen ambas disciplinas na túa faceta musical? Retroaliméntanse?

Sés: «Por suposto, porque inflúen no meu xeito de descodificar o mundo e, polo tanto, no meu modo de codificalo. A retroalimentación dáse case entre calquera disciplina se tentas ver a vida dun modo transversal, como é o meu caso, pero desde logo entre estas dúas é especialmente forte. Non esquezamos que a linguaxe é o que nos fai humanos como tal, seres sociais; e a literatura é a manifestación artística que ten a palabra como núcleo».

 

 

    

 

Debutabas hai máis dunha década con Admirando a condición (2011), álbum que, seis anos despois, revisabas de xeito integral en Readmirando a condición (2017). Que che levou a regravalo?

Sés: «Regraveino por algo bastante simple, porque non era propiedade miña, e non podía reeditalo. Polo tanto, se ti querías mercar un disco no que estivese “Non son fada”, non podías. Ademais foi o único disco que eu non producín, así que, postas a regravalo, quixen facelo soar como a min me gustaría».

 

 

 

 

En Rabia ao silencio (Altafonte, 2019) recolles unha presa de cancións adaptadas á nosa lingua que foron, daquela, xerme ou crónica dos grandes movementos sociais do século XX. Temas de Zeca Afonso, Atahualpa Yupanqui ou Carlos Puebla interpretados dun xeito máis íntimo e directo ao que estabamos acostumados. Como xurdiu esta idea e como lembras o proceso de selección dos temas?

Sés: «Iso foi unha débeda que eu quería saldar con eses autores e autoras que, como che dicía, me ensinaron a pensar. A maiores tamén viña a engrosar o noso cancioneiro, e con textos de calidade, que creo que sempre é bo e necesario.

O proceso foi fermosísimo e divertidísimo, porque eu adoro traducir e adaptar e foi moi difícil —figúrate o desafío que supón traducir a Benedetti!— pero moi moi bonito».

 

Algúns deses autores son recoñecidos por ser parte do movemento da canción protesta durante as décadas dos sesenta e os setenta. Sabemos que non é o mesmo denunciar a situación política e social dun país a través de cancións daquela que facelo hoxe en día... ou quizais si? Canta importancia pensas que ten a música, e como inflúe, á hora de que a xente tome conciencia sobre a realidade que nos rodea?

Sés: «A música non é causa, senón consecuencia dos cambios sociais. Pode abrir dúas mentes pero, moi probabelmente eran mentes que xa estaban destinadas a abrirse de calquera outro modo.

Quedaría moi bonito que parafrasease a Bertolt Brecht e dixese que a arte é un martelo para darlle forma á realidade e non un espello que a reflexa, pero a Historia e a miña experiencia dinme que non é así, que Brecht estaba, desgrazadamente, equivocado, e que a súa opinión estaba moi mediatizada polo tempo que lle tocou vivir.

Se Brecht nacese no neoliberalismo agudo, nunca tería pronunciado esas palabras».

 

 

Ao fío, consideras a música como o teu (mellor) xeito de expresar as túas ideas?

Sés: «Considéroo un bo modo, pero non o mellor, porque non me permite o rigor que me permite o discurso falado ou escrito. O que non quere dicer que non desfrute ese modo de expresarme».

 

 

 

Liberar as arterias (Altafonte, 2020) chegaba en febreiro de 2020, un disco que, por certo, estivo condicionado pola pandemia e cuxa xira remataba na primavera do ano pasado, máis de dous anos despois do seu lanzamento! Como o levaches?

Sés: «Ben, como todo o mundo, supoño. Para min foi menos complexo porque eu xa pasaba moito tempo soa. Ademais non me gusta queixarme diso sabendo que tanta xente perdiu a súa vida, o seu traballo... Eu non perdín nada diso e, aínda por riba, coñecinme máis e adquirín máis tolerancia ao aborrecemento, máis paciencia e máis disciplina. Leveino ben e síntome profundamente agradecida».

 

O título procede dun poema de Luz Fandiño —«quero sangrar as feridas para liberar as miñas arterias»—. Canto de especial ten o poema para ti, e Luz, para titular o disco a partir del?

Sés: «Luz é un referente e un exemplo. É humildade, é loita, é coherencia e tenrura e valentía... e tantas e tantas cousas. Todas boas. O poema é moito mellor que se o tivese escrito eu, pero podería telo feito se atendemos ao que di. Síntome moi identificada con esa idea de precisar limpar a rabia e o enfado. De non permitir que me contaminen e de “utilizalas” só como interruptor, como motor de cambio moi preferíbel á pasividade e á indolencia, pero non como un estado en que instalarse.

Moitas veces, cando ti es unha persoa boa, permeábel, o contexto supérate e invádeche a rabia. Iso non é malo se usamos ese sentimento para avanzar, para esixir mudanzas, para erguernos. Pero nunca debe ser algo que se alongue demasiado no tempo, porque te coloniza e acaba facéndote desaparecer. Esa idea paréceme moi necesaria e define moi ben aquel meu momento vital e tamén quen eu son. Por iso decidín titular así o disco, por iso e por facerlle unha homenaxe a Luz».

 

 

Vimos de falar de feminismo e, estando en marzo... actualmente, como ves o papel da muller na música?

Sés: «Preocúpame moito esa idea de avance que parece que está admitida como verdade. Eu non só non considero que avanzásemos, senón que creo que, se facemos unha análise obxectiva, necesariamente temos que claudicar ante o feito de que retrocedemos.

Nos anos noventa eran relativamente habituais dentro do mainstream español e internacional os proxectos de mulleres cantautoras que se subían ao escenario en pantalón e camiseta, coa súa guitarra a ofrecer as súas composicións. Aí estaban Rosana, Ella Baila Sola, Alanis Morissette ou a mesma Shakira, que naquel momento presentaba este perfil. Creo que a evolución desta última é moi representativa do que foi a evolución das mulleres nos escenarios nestas últimas tres décadas. A hipersexualización non deixa de ir a máis, en practicamente todos os xéneros. A obxectivización sexual está normalizada. É moi difícil ver mulleres nos escenarios que aspiren a ser respectadas intelectualmente pola súa capacidade de escrita, de composición ou de execución instrumental, que fuxan dos atuendos e os xestos eróticos, que non teñan necesidade de ser atractivas sexualmente e eternamente novas. A maiores disto, as instrumentistas, as técnicas de son, as técnicas de luces, as produtoras musicais... son completamente anecdóticas.

Non sei en que se basea exactamente esa idea aceptada de avance, pero encantaríame que alguén mo explicase».

 

 

 

Estás a presentar Diante un eco (Altafonte, 2022) que, aínda que marca o teu oitavo traballo, se presentaba como unha volta ás túas orixes. Por que?

Sés: «Eu sentino como “unha especie de” volta ás orixes porque, cando o rematei e o escoitei desde fóra, lembroume á frescura dos meus primeiros discos. Púxome moi contenta comprobar que moitos dos temas, aínda partindo da actitude crítica ou incluso do enfado, lograban soar desenfadados. Para min iso é moi valioso, porque sempre pensei que eu non tiña medo a perder a inspiración, pero si a perder a alegría, que é algo imprescindíbel para sobrevivir».

 

 

Pero tamén falas dun disco de cambio; canto de cambio e canto de «eco» hai neste álbum?

Sés: «De cambio hai un proceso de aprendizaxe a todos os niveis. A nivel técnico primeiramente. Eu asumo parte dese proceso, en concreto a edición, que é como unha disección, como unha cirurxía. Ademais estou presente, obviamente, en todas as demais partes. E despois aprendizaxe a nivel humano, a experiencia vital e a miña idade, da que non fuxo, senón da que me nutro».

 

Os teus temas reflicten a realidade social desde unha visión alternativa, a túa. Como trasladas ese inconformismo, esa reivindicación, a cancións sen renunciar á calidade poética?

Sés: «Pois esa é unha pregunta moi complexa de respostar. Simplemente non sei escreber doutra maneira».

 

Por que “Cantan as balas” como sinxelo presentación? Que significa esa canción para ti?

Sés: «Escollín “Cantan as balas” porque tiña unha sonoridade moi persoal, moi característica, e considero que para presentar un octavo disco iso é importantísimo. Ademais é un tema, desgraciadamente, moi de actualidade, pero principalmente foi a súa estética a que me levou a elixilo, o selo ao que representa».

 

 

Aínda que é algo obvio que a realidade que che rodea inflúe á hora de compoñer, nas túas pezas tamén escoitamos emocións, crúas e núas ás veces, outras presentadas dun xeito máis desenfadado. Como nacen as túas cancións? Que, ou quen, inspira a Sés?

Sés: «A min inspírame todo. A humanidade. Os seres humanos e as súas/nosas formas de relacionarnos. As miñas/nosas historias que, aínda que presentando cores e formas moi distintas, obedecen e evidencian sempre a nosa condición. Sinto tanta paixón por iso que me pode provocar a ira máis intensa e a tenrura máis profunda. Pode facerme escreber a canción máis lúdica e leda e tamén a máis rabiosa.

É unha cuestión de permeabilidade e de intensidade. Miña nai explicoumo moi ben unha vez que eu estaba moi tristeira e me dixo: “Sés, a ti o que che pasa é que o que te mata é o mesmo que che dá a vida”. E iso que me mata e que me dá a vida é o que me inspira».

 

Algunhas das cancións estaban escritas desde hai tempo, “Non teño fe” escrita hai uns dez anos ou “Cantan as balas”, composta durante a pandemia. Como consegues que, ao escoitar o disco, non se senta salto cronolóxico algún?

Sés: «Pois entendo que é algo natural. Porque sigo sendo esa mesma persoa no importante. Máis maior, máis experimentada, probablemente máis desencantada e, con toda seguridade, menos tersa, pero a mesma».

 

“Para te sacar” é un tema baseada nunha cantiga popular. Que che fixo escoller esta en concreto e como adoitas traballar estes temas, nos que non partes completamente de cero?

Sés: «Non é un tema baseado en ningunha cantiga popular. É un tema composto desde cero, simplemente escollín un cuarteto tradicional modificado para cantalo como primeira estrofa. Só eses catro primeiros versos, porque sempre me gustaron moito. Pero tanto a letra como a música son miñas, simplemente é unha canción “de corte tradicional”, como podo facer unha canción que se pareza a unha rancheira. “Para te sacar” é iso, un tema integramente da miña autoría pero que soa a nós».

 

“O medo dunha nena” fala de medos, penas e amarguras. Quen é esa nena? Canto de ficción e canto de autobiográfico ten esta peza?

Sés: «Esa nena son eu. Cero ficción e 100% autobiográfico».

 

 

Tamén escoitamos certa frustración en cancións como “Non teño fe”; á hora de compoñer, dirías traballa máis o corazón ou a cabeza?

Sés: «No meu caso non hai moita posibilidade de separación, que máis quixera eu... Pero como non a hai, pois fago cancións.

De perdidas, ao río».

 

Algo que é curioso nas túas composicións, desde o principio pero quizais máis neste álbum, é como aínda que as letras, na súa maioría, canten temas serios, comprometidos veñen envoltas en melodías alegres e frescas. Como tratas estes dous extremos, aparentemente contrapostos, ata equilibralos?

Sés: «Hai unha tendencia a entender a canción de autora dun modo moi ortodoxo, como unha suma de textos transcendentais arroupados por melodías austeras. Pero iso non é así en absoluto. Por suposto hai marabillosos exemplos dentro dese paradigma, como pode ser Silvio, pero tamén hai exemplos de letristas que visten análises profundas e reflexións metafísicas acertadísimas dun modo diferente, máis actual, máis ecléctico, máis pop... como Drexler, que reúne todo iso. A lucidez e a actitude crítica non están pelexadas nin coa ledicia, nin co humor nin co baile. Creo que eses son clixés que non se corresponden coa realidade.

Vouche contar unha anécdota de miña nai que resume moi ben iso. Un día díxome: “Sés, viñen escoitando un rock & roll teu no coche e... coidado... con algunha letra desas facías unha canción”.

Pareciume marabilloso... dáste conta? Ela non a consideraba unha canción, unha canción coa mesma entidade que “Non son fada”, porque non reunía as características necesarias para iso. Non soaba como ela consideraba que debería soar unha boa letra. A min, sen embargo, encántame facelo así, porque creo que é xenial que algo que soe divertido poida, a maiores, facer pensar».

 

«O máis difícil de conseguir cando es música é soar a ti», comentábaslle a Tito Lesende hai un par de meses. Con todo, chegados a este punto, cres que Sés soa a Sés?

Sés: «Creo que si. O que non ten que ser necesariamente algo positivo, coidado. Creo que é evidente que eu soo a min. É máis, non podería non soar a min nin querendo. Pero con iso non estou dicindo que o que soa sexa a hostia, repito, estou dicindo que é persoal».

 

Foto © Marc Várez

 

Que lle recomendaría Sés a aquela María Xosé Silvar que apostou (en medio dun programa de doutoramento, nada menos) pola súa carreira musical?

Sés: «Que fixera todo exactamente igual. Porque non cambiaría nada do bo que desfrutei nin do malo que me ensinou».

 

Os teus directos teñen un formato característico, con pequenos monólogos entre canción e canción. Por que desenvolvelos deste xeito tan particular? Que sensacións agardas espertar no público?

Sés: «Na actualidade dise pouco, ao mellor porque non hai moito que dicer, pero moitos e moitas dos músicos que me “criaron” introducían as súas cancións, de modo que a xente as comprendía mellor e se metía dentro delas con máis facilidade. Eu introdúzoas a modo de mera explicación, sen maior pretensión. Pero creo que chama a atención porque non é habitual.

Que curioso que non chame a atención saír en body, pero si que presentes unha canción ao público. Deberíamos reflexionar sobre iso».

 

Con Diante un eco estás a pisar os principais escenarios de Galicia, de España e cruzarás o charco para facer o propio en Latinoamérica. Que lle dirías á xente que pensa que non se pode triunfar cantando en galego fóra de Galicia?

Sés: «Mira, eu diríalle á xente que faga o que queira facer, o que realmente sinta e lle guste, aínda que soe a clixé. Porque a única maneira de despuntar e de ter credibilidade é esa, a non ser que collas ascensores televisivos ou mediáticos.

Eu canto en galego porque non contemplo outro modo de facer a miña música. O 100% do meu repertorio está en galego, porque cando me sento a compoñer é a miña lingua a que me sae, obviamente, e ademais é unha decisión na que me reafirmo. Pero veño tamén de facer un disco de versións en español para Latinoamérica, porque despois de xirar por alí, de compartir con moitas mulleres en situacións terríbeis, sobre todo no Salvador e en Paraguai, sentín a necesidade de que elas me entendesen. Temos que ter en conta que a miña música carece bastante de interese se non entendes o texto, porque eu non fago música tradicional, nin folk; o meu único valor é o que digo. O resultado é que cando vou fóra canto en ambos idiomas, e o feito de que entendan parte do meu repertorio facilita que abracen tamén as cancións en galego, porque o que teño que conseguir é que admiren o meu xeito de escreber. Temos que entender que os folclores son inseparábeis do seu código vehicular, ninguén canta bulerías en alemán nin muiñeiras en español, porque a ninguén lle interesaría tampouco escoitalas, pero a música de autor non se rexe polas mesmas normas.

A cuestión é que eu non contemplo cantar noutra lingua que non sexa a miña no meu País, pero iso non quere dicer que non sexa unha artista como calquera outra, coa posibilidade de abrirme a novos territorios. O que hai que entender é que esas cousas, se veñen, veñen despois, chegan dun modo natural. Eu levo oito discos en galego e teño pensado facer moitos máis. Folga dicer que se quixese triunfar ou gañar moito diñeiro desde os inicios cantaría en inglés, como fai moita xente. Pero, igual que Laura Pausini ou Eros Ramazotti se versionan fóra de Italia, igual que Juan Luis Guerra se versiona en Brasil, nós podemos versionarnos tamén se queremos.

O que temos que facer é normalizar de verdade o galego, non de boquilla. Entender que quen queira ter unha carreira en galego, pode facelo, incuestionabelmente, porque somos moitas e moitos os que o fixemos. E entender tamén que o resto das ferramentas para expandirnos están aí para nós tamén, igual que para un inglés ou para un italiano».

 

Durante os teus concertos, notas algún tipo de relevo xeracional entre os asistentes?

Sés: «Os meus concertos foron moi heteroxéneos a nivel xeracional desde os inicios. Hai avós con netas, desde os 3 aos 90. Ese é o meu grande orgullo».

 

Na actualidade, que artista ou grupo galego nos recomendarías? Algún favorito que deberiamos coñecer?

Sés: «Gústame moito, de agora, Grande Amore. E despois todo o tradicional. Encantaríame poder descubrirche algo, pero agora mesmo non che sabería dicer, porque do último que fun descubrir a un teatro foron Los Rastreadores. Pero o que si que che podo dicer é que escoito todo o que vai saíndo e, se a miña axenda mo permite, vou pagar unha entrada para opinar por min mesma e dun xeito fundamentado».

 

Se abrísemos a túa conta persoal de Spotify, que escoitariamos? 100% Sinceridade, 0% Vergoña

Sés: «Eu non teño vergoña diso, todo o contario! Atoparías desde Janis Joplin a Atahualpa Yupanki pasando por Sabina, Drexler, Cecilia, Los Tres Sudamericanos, Carlos Puebla, Soledad Bravo, Mª Dolores Pradera, a Creedence, os Clash, Kortatu, Dios Ke Te Crew, Benjamin Clementine, Nano Stern, Juan Luis Guerra, Violeta Parra, Jorge Cafrune, Mercedes Peón, Silvio Rodríguez, Diplomáticos de Monte Alto, Chinoy, Siniestro Total, Lehendakaris Muertos, Odetta, Bessie Smith, Vicente Fernández, Etta James, Ana Kiro, Amy Winehouse, Rita Lamontra, Lamatumbá, Mari Trini, Robert Plant, Totó la Momposina, Carlos Vives, Alejo Durán, Chabuca Granda, Zitarrosa, Juanito Valderrama, La Muchacha, The Pogues, Camarón, Amparo Ochoa, Joe Cocker, Manuel Gerena, Los Olimareños, Alí Primera, Molotov, Rosalía, Delaney & Bonnie, Fito, Elíades Ochoa, Orishas, Polo Montañez, José Feliciano, Nana Mouskuri, Mercedes Sosa...

É que eu escoito centos de bandas e solistas... non esaxero se che digo que precisaría páxinas».

 

  noticias